MACEDA e o seu CASTELO MEDIEVAL
Antano, o derradeiro rei que viviu no castelo de Maceda foi Alfonso X O Sabio, segundo as crónicas medievais dalgúns historiadores ben documentados. Hogano, a primeira "okupa" que pasa as 24 horas do día, voluntariamente, nese fermoso castelo (rehabilitado con elementos alleos á súa orixe) é unha señora xubilada ou aposentada, chamada polo pobo "prinCelsa", en honor ao seu nome e como abafo das súas maternalistas razóns para autoxustificar a actitude do uso (e abuso) desas instalacións que ela goza gratuitamente e ás que non ten ningún dereito, e moi pouco sentido do ridículo que está a facer como "escudeira" do seu fillo, o sr. Palomanes, a persoa que asinou o contrato pola concesión do castelo durante 20 anos para adicalo comercialmente como hospedería e café-restaurante. Pagaba de renta só mil euros ao ano, non embargante incumpliu -supostamente- o contrato e foi multado por iso algunha vez. Así estivo 3 longos anos, ata que o concello, por decisión unánime nun pleno extaordinario, rescindíulle o contrato.
Déronlle un prazo prudencial para abandonar as dependencias do castelo, porén el fíxose o parvo e non fuxiu do seu feudo. Un día, cando voltaba do seu outro traballo na capital de Ourense, non se lle permitiu a entrada ao castelo, vista a actitude do señor "afeudalado" e da súa nai, que alí estaba e alí continúa, autosecuestrada en apoio ao seu fillo, ata que o xuíz decrete o seu desaloxo ou a saúde lle obrigue a deixar o pazo alougado. A situación de sainete e chascarrillo que artellou a familia Palomanes non lle fai noxo ao "afeudalado", todo o contrario, agarda recupera-lo castelo máis unha indemnización económica, con denuncias de "palla" en contra do valente alcalde, quen ben "postos" os ten e quen prometeu arranxar este problema nos seus primeiros 100 días de alcalde. O tempo dirá quen apostou de "farol" e quen aplicou a xustiza pola man, dun xeito "postrosaliano" porén necesario.